Recreando versos de Díaz Castro

camelia

A BELEZA FERIUME PARA SEMPRE

A beleza feriume por dentro
Ideas e imaxinación
Follas nas árbores
Ollos claros
Corazón de esperanza
A beleza feriume para sempre.
Érika Mato – 6º – 2014

SOBRE O MEDO E O MAL AS ESTRELAS A ARDER

A vida é unha alma limpa
O medo é a lúa
Afastada do mal e o ben
A vida é unha estrela
A estrela é a única capaz
De arrincarlle a maldade
A un ser.
Sergio Pampín – 6º – 2014

A BELEZA FERIUME PARA SEMPRE

Porque a beleza foi buscar
O que eu non atopei
Feriume no corazón.
Érica García – 6º – 2014

TODOS OS RÍOS PASAN POLA MIÑA ALMA

Un día á mañá
Soñei coa miña alma
E todos os ríos pasaban
Por aí
Eran transparentes
Auga limpa e doce.
Lorena Medela – 6º – 2014

HERBA PEQUERRECHIÑA QUE SORRÍS SEN MEDO

Herbiña, herbiña
Naces nos prados
Podes ter medo
Ou estar a rir.
Silia Santiso – 6º – 2014

QUERO MORRER DE MÚSICA UNHA NOITE DE PIÑEIROS

Pola noite un conto eu pensei
Nel quería morrer de música
Unha trade-noite de piñeiros
Mais eu non me deixei.
Sara Villar – 6º – 2014

NAS PUNTIÑAS DOS PÉS CHEGA A FESTA

Na puntiña dos pés teño
A festa máis agarimosa
Teñen moita gana de alegría os meus pés
Tan impacientes están
Que xa non paran de brincar.
Margarita Rey – 6º – 2014

TEÑO UNHA SEDE INFINITA DE PUREZA

Teño unha sede infinita
Que non se vai
Nin auga, nin tristeza quero
Quero limpeza que non acabe.
Isaac Datorre – 6º – 2014

HAI QUE AMAR AS COUSAS ATÉ O SANGUE

Hai que ser sincero
Ter corazón
Amar os teus anxos
Que están moi felices aí nas cousas.
Brais Montoto – 6º – 2014

LUZ, CEO RACHADO, LUZ

Luz, ti fasme brillar
Luz, no verán, río
No inverno, choro
Luz, fasme saltar e gozar
De alegría, luz.
Aarón Senande – 6º – 2014

ABRO OS OLLOS SOBRE O MUNDO

Había unha vez
Un rapaz cheo de soños
Aínda sen moitos apoios
El seguía loitando
Era moi tenaz
Até que todos abriron os ollos
Aí foi a grande noticia!
Diego Asorey – 6º – 2014

O Comepedras

pedras

Había unha vez, xa hai moitos anos, un neno que se chamaba Xurxo.
El comía as pedras: limpas ou suxas, grandes ou pequenas… el comíaas todas.
Se tiñan algo de terra, moito mellor, dicía que así estaban máis saborosas.
Os seus compañeiros non sabían que rillaba nas rochas.
Xurxo non quería que souberan este seu segredo de mastigar callaus.
Se os probaban, igual gostaban dese sabor, e despois tería que competir con eles.
Entanto non souberan nada, todos os croios serían para el.
Nas aulas, cando lle entraba a fame, tiraba da mochila, disimuladamente, unha pedriña e comíaa.
Un día o profesor fóiselle aproximando devagariño, caladiño, e… pillouno:
– Xurxo, que fas comendo nunha pedra?
Risos e gargalladas.
– Comepedras! – berrou un.
Desde ese día ten que aturar, cada día, esa alcuña.
Por un lado está feliz, porque chámanlle O Comepedras, si… mais tamén o obsequian con pelouriños ben variados.
E el cada día está máis petrolambereteiro.
Por outra banda, dóelle que anden sempre con esa alcuña nas súas bocas. Todos temos dignidade!
Para vingarse deles, un día, virouse, e colérico, espetoulles:
– E vós sodes… uns… Comepáns!

Óscar Couto – 6º – 2014

A estrela

estrela bonita

Estrela de neve
de vento e xeada
de auga mariña
e prata dourada.

Estrela de luz
brillante e lonxana
de flores vermellas
e paxaros de cores.

Estrela escura
fermosa e illada
de diamantes
e pérolas brillantes.

Estrela de auga
mollada e calada
con bruxas malvadas
e fadas encantadas.

Estrela infinita
amarela e bonita
radiante como o sol
rápida como o lóstrego.

Estrela contenta
calada e atenta
con bolboretas de cores
e paxaros cantores.

Estrela pequena
como unha nena serena
con cunchas e area
da fermosa serea.

Carla Sánchez – 6º- 2014

A vida é unha area mollada

vida

A vida ten un grande sentido
no que podemos vivir e gozar.
A vida son uns días
a morte unha longa eternidade
no azul e branco ceu.
Todo ten un sentido
todos temos un destino.
A morte, por que virá?
Unha pregunta que dá lonxe.
O sentido que ten a morte é
o destino que che dá a vida.
A vida é curta, mais tamén intensa:
a morte é longa, mais tamén lenta.
Un mal dia, sen porqué
cerras os ollos e non volves ver.
Como unha bolboreta que para de voar
e non lles pasou nada ás súas ás.
Un solpor gris,
unha bágoa dourada
que se queda parada,
xusto no medio da esperanza.
Un arco da vella sen cores.
Unha alma rota.
Un corazón que non latexa.
Vivir, rir, sentir.
Morrer, correr, temer.
Area mollada
na que deixas a túa pegada.
Momentos vividos, fillos sentidos.
A túa vida, a túa morte.

Érika Mato Sánchez – 6º – 2014

Coma lanternas

pirilampos

Escritora ou non, escribirei todas
as cousas que nos pasan nas
nosas vidas, vai ser un libro
aberto, cheo de aventuras.

Nos sitios escuros, serenos,
coma lanternas que alumeen
á noite, formando un camiño
para chegar a un sitio mellor.

San Pedro en min, miña terra,
onde eu me criei, agasallos
que me deron, apertas que dei,
prados onde eu xoguei…

Con este poema conto a miña
vida, e póñolle entusiasmo,
dareille cores e mesmo agarimos
para que quede ben feito.

Este poema é como
unha pomba mensaxeira
que vai levando cartas
a todos vós
e así recibiredes a mensaxe
en forma de vida certa.

Laura Domínguez – 6º

Recreando un poema de Nimbos, de Díaz Castro

Letras Galegas – 2014

Non son palabras

lembrança

Estas non son palabras, nin versos,
son sílabas levadas polo vento,
nin eu as dou recordado,
só as dou esquecido.

O que antes eran belezas infinitas
agora son esquecemento e baleiro.

Nalgún sitio haberá
algunha alma limpa
que me faga chorar
e me encha o meu corazón magoado,
con algún verso extraído
das sílabas da vida.

Sergio Pampín – 6º – 2014

Recreando un poema do libro Nimbos, de Díaz Castro

Letras Galegas – 2014

O Nome Propio

plantinha

Un paso para un lado,
outro paso para outro lado,
Galiza, a terra dos galegos,
a esperanza nas túas lágrimas,
a esperanza na túa chuva.

Un canto de paxaros
alá no fondo da primavera,
envólveste entre raios,
envólveste entre auga.

Os camiños son antepasados
dos meus avós,
levaron xente e xente,
o mundo está cheo de camiños,
camiños de pedra e terra.

Un paso para un lado,
outro paso para o outro,
terra do outono,
das doces follas
nun vento devagariño.

David Quintela – 6º – 2014

Recreando un poema do libro Nimbos, de Díaz Castro

Letras Galegas – 2014

Conto do recreo

linha recta

Nunha escola unha rapaza era algo traste. Falaba moitas veces. Falaba cando non tiña que falar.
– Cala un pouquiño, por favor! – pedíalle o profesor.
– Eu? Eu… non fun!
– No recreo terás que escribir un conto.
– Coa lingua?
– Con certeza … coa lingua!
– Coa lingua dos sabores?
– Non, coa lingua das historias!
A rapariga escribiu un conto coa lingua dos contos que tamén ten algo de lingua dos sabores.
E o conto era que unha vez un profesor mandou a unha alumna facer unha liña recta. A alumna comezou a facela co xiz no encerado, continuou facéndoa pola parede, saíu da sala trazando a recta polos corredores… Durante meses estivo marcando a liña recta, polo mundo adiante. Como a alumna non regresaba, o mestre foi á súa procura. Foi seguindo a liña debuxada. Non atopou a rapazola. A alumna deseñou na liña até facerse vella. Perdida e cansa, a alumna, agora xa velliña, sentiuse desesperada. Foi entón cando escoitou unha voz:
– Quen es ti?
– Eu? … son … a que está a facer unha liña recta … como é infinita, non a dou rematado…
– Non a sigas facendo … como ben dixeches, é imposíbel …
– Ai, tanto esforzo para nada…
– Pensa que así aprendiches moito … agora xa sabes que o lonxe é como unha liña recta … sempre está aí … e parece que chegas a el … e cando pensas que chegaches, o lonxe xa está outra vez máis lonxe …
– Tes razón … aprendín a ir do lonxe, aos moitos lonxes. Mágoa que non lle poida explicar ao mestre aquel que hai oitenta anos me mandou facer unha recta.
Érica García – 2014

Hai que amar!

mao passaro

Hai que amar a luz

porque nos abre portas.

Hai que amar o día

hai que amar a noite.

Hai que amar o son

porque nos entende e escoita.

Hai que amar as festas

dannos fartas alegrias.

Hai que amar tamén a paciencia

porque nos trae beneficios.

Hai que amar a ilusión

pois constrúenos os camiños.

Hai que amar o contentamento.

Hai que amar a tristura.

Hai que amar o amar

porque duros corazóns abranda.

En fin, hai que amalo todo

porque todo algo nos dá.

Lucía Pampín – 6º – 2014
Recreando un poema do libro Nimbos, de X.Mª Díaz Castro
Letras Galegas – 2014

Chove e ten nome

chuva no telhado

Barbuña fíos de prata
Barrufa un lento caer
Borralla unha auga limpa
Chuviñada de moito querer
Chuviscada de alma cristal
Morriñada de bágoas finas
Orballiscada puro diamante
Patumeira molladeira
Poalla de pérolas mínimas
Babuxa silencios de ceu
Barrufo de fino pracer
Borrallada de faíscas acuáticas
Molura do brando pracer
Froallo para sentir
Mera para ben aprender
Poalleira cantareira
Parrumeira de brancura
Morriña de doces pingas
Arroiada que limpa o mal
Chaparrazo de forte percusión
Chuvieira de música ben rimada
Decembra que molla fantasías
Trebón do océano mancado
Ballón enchoupavibración
Bátega que fura as horas
Cebrisca do meu agardar
Coriscada secular
Diluvio que enchoupa o nós
Dioivo que chega ao vós
Xistra onde o frío afía
Chaparrada sen fin
Augaceiro de todos os soños
Cairo potente e intenso
Zarracina do forte brinco
Chove e chove a cachón
Chove e ten nome.
6º – 2014